- Enxebre II, de Rocío Molina López e Alba Cobos Ropero acadou o segundo posto do certame, mentres que Déjame Encajar, de Rebeca Mercado Alfaro, quedou en terceiro lugar
Este martes a organización da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas anunciou os gañadores do XXVII concurso de Noveis Deseñadores. O primeiro premio recaeu nas mans de Anna García Viu, que conquistou ao xurado coa súa colección The Beautiful Brut; Enxebre II, de Rocío Molina López e Alba Cobos Ropero acadou o segundo posto do certame; mentres que Déjame Encajar, de Rebeca Mercado Alfaro, quedou en terceiro lugar. O ‘Premio especial do público’ foi para Alba Otero con Carrera de Indias.
Entregaron os premios a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua; a concelleira de Encaixe, Encarna Liñeiro; o director de sustentabilidade de Stolt Sea Farm, Carlos Tavares; e o vicepresidente da Asociación de Empresarios e Promoción Turística de Camariñas, Reinaldo Tajes.
Nesta edición repartíronse un total de 4.500 euros en premios: un primeiro premio de 2.100 euros, un segundo de 1.200 euros, un terceiro de 600 euros, e o ‘Premio especial do público’, tamén de 600 euros.
Optaron a estes galardóns un total de 24 mozas e mozos que «están dando os seus primeiros pasos no mundo da moda», sinalan desde a Mostra. Son 15 escolas de moda as que participaron, con deseñadores procedentes de toda Galicia, Portugal, Asturias, Barcelona, Sevilla, Granada, Baleares, Zaragoza, Alicante e Madrid.
O xurado estivo composto polos deseñadoras Amaya Fernández, Edith del Valle, Claudina Mata, Inés Fernández, Dolores Cortés e tamén Esteban Freiría.
Falemos de Moda
A ultima hora da tarde deste luns tamén se celebrou o encontro ‘Falemos de Moda’, no que grandes e noveis deseñadores puideron intercambiar ideas, opinións e coñecementos. «Unha gran oportunidade para os máis mozos e mozas, que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da moda», sinalan desde a organización.
