Anova vaise mover por toda Galicia para derrotar á dereita

1 minutes read

Este sábado en Teo tivo lugar unha nova reunión ordinaria da Coordinadora Nacional de Anova, na que se analizaron diferentes escenarios políticos e se trataron tamén cuestións de desenvolvemento territorial e organizativo.

Gladys Afonso afirmou que iniciabamos “o camiño de reconstrución do suxeito político galego” e nese sentido debateuse un plan de traballo para comezar a ter encontros por toda Galicia para construír unha alternativa que derrote ao Partido Popular nas vindeiras eleccións galegas.

Martiño Noriega, responsable de relacións políticas, afirmou que nesta reunión “dimos conta dunha serie de contactos informais” con “todo o espectro que podemos entender á esquerda do PSOE” e que “podería estar en disposición de liderar un proceso de cambio no país”.

Antón Sánchez fixo un chamado a participar na manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro domingo 9 de febreiro en Santiago de Compostela fronte a un Núñez Feijóo “que ten que recorrer á censura e á manipulación informativa para taparlle a boca aos traballadores e traballadoras que están reclamando unha sanidade digna”.