Mazaricos acolle este sábado 6 de maio, na Casa da Cultura da Picota, dende as 10:00h unha xornada informativa convocada polas ANPAS Galegas e a Federación de ANPAS da Costa da Morte-Coruña.
A Xornada “Por que demandamos un Plan Específico para o Rural?” ten como obxectivo “deter a desaparición do rural galego e construír un futuro sostible para as persoas que o habitan e aquelas que o desexen habitar no futuro”.
A Federación presentará o documento elaborado para, a partir das 12:00h realizar unha rolda de intervencións, seguida dunha mesa redonda “Apostando por un rural viable, sostible e integrador”, onde se debaterán cuestións clave sobre o futuro do rural galego. A xornada contempla tamén un xantar ás 14:00 horas e xa pola tarde, para poñer en valor a cultura e as tradicións do rural galego, ás 17:30 horas representarase a obra teatral “SERÁN”, a cargo do grupo amateur interxeracional de Mazaricos.