Antía Veres recibe en Corcubión o XVIII Premio Plácido Castro de Tradución

1 minutes read

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este venres no acto de entrega do XVIII Premio Plácido Castro de Tradución, celebrado na vila natal do ilustre escritor, xornalista, tradutor e político corcubionés. Recibiuno a tradutora guitiricense Antía Veres Gesto, por Unha muller perdida, tradución ao galego da orixinal A Lost Lady de Willa Cather que, en palabras do xurado amosa “un galego extremadamente natural e próximo, empregando unha fraseoloxía propia sen alterar a atmosfera natural da novela”.

García destacou durante a súa intervención o papel das tradutoras e do seu labor na incorporación á literatura e á lingua galegas de autoras e obras, tanto novas coma xa coñecidas e recoñecidas noutros lugares, “como Cather, ata o de agora inédita no sistema literario galego” para “actualizar, proxectar e situar a nosa fala e cultura en diálogo permanente co mundo”, concluíu.

No acto participaron tamén Xulio Ríos e Susi Castro, en representación da Fundación Plácido Castro; o alcalde, Manuel Ínsua; e a galardoada, Antía Veres.