Antón Díaz “Tucho” recrea o Carballo da súa infancia cunha exposición no Pazo da Cultura

1 minutes read

Antón Díaz Sánchez, “Tucho”, ten 22 anos e un futuro moi prometedor no difícil mundo da arte. Na súa primeira exposición en solitario, “Nosa Terra”, amósanos o Carballo da súa infancia a través de escenas cotiás que forman parte dos seus recordos, como a casa patrucial de Vilela, unha mañá de Reis en familia ou a mítica “Dulcería Vella”; pero, xunto a esa mirada máis íntima e persoal, a mostra constitúe tamén unha homenaxe á pintura galega, con obras de homenaxe a Seoane ou Castelao, e unha aposta pola dignificación e a posta en valor de Galicia como patrimonio de todas e todos.

Na súa estrea como profesional, xa que vén de graduarse en Belas Artes na Universidade de Salamanca, Tucho estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e arroupado por unha pequena representación da súa familia. Foi un acto con pouco público, adaptado á situación sanitaria. A exposición está dispoñible de luns a venres, de 18.30 a 21.00 horas, ata o 11 de abril.

“Nosa Terra” é tamén unha colección que ten moito que ver coa pandemia, xa que Tucho pintou a práctica totalidade das 18 obras que a integran no ano 2020.