Anunciada a licitación das obras da senda entre A Ponte e Santa Catalina, en Santa Comba

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras da senda entre A Ponte e Santa Catalina, no concello de Santa Comba, que estarán rematadas na primavera cun investimento da Xunta de 177.000 euros.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa da vila, María Pose, presentou o novo itinerario, que se habilitará ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.

A conselleira explicou que as empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o 8 de agosto para presentar as súas ofertas. A Xunta xa está a avanzar nos actos expropiatorios dos 9 predios necesarios para executar as obras: a comezos de xuño convocou o levantamento das actas previas e o levantamento de actas de ocupación está previsto para o vindeiro 12 de agosto.

Ethel Vázquez adiantou que o obxectivo da Xunta é poder adxudicar os traballos en torno ao mes de novembro para inicialos a finais de ano ou comezos de 2023, cun prazo de execución de 4 meses.

O novo itinerario, fundamentalmente de uso peonil, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.

Ethel Vázquez concretou que que executará esta nova senda pola marxe dereita da estrada autonómica, no treito de 450 metros comprendido entre A Ponte e Santa Catalina que mellorará o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai a habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.

Este novo itinerario terá un ancho de 1,80 metros, acorde ás beirarrúas existentes, e irá separado da estrada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria.

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.