Anunciada a licitación das obras da senda entre Xornes e a Igrexa de San Xoán, en Ponteceso

1 minutes read
Xornes.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a licitación das obras da senda entre Xornes e A Igrexa de San Xoán, no concello de Ponteceso, que suporán un investimento de 446.000 euros. O obxectivo e o de iniciar as obras na primavera para que os veciños poidan ter á súa disposición xa o vindeiro ano este novo itinerario, pois os traballos teñen un prazo de execución de seis meses. As empresas interesadas en realizar os traballos teñen ata o 20 de decembro para presentar as súas ofertas. A actuación céntrase na construción dun novo itinerario de uso compartido peonil e ciclista pola marxe dereita da AC-421, que permitirá desprazamentos máis cómodos e seguros desde o núcleo de Xornes ata a Igrexa de San Xoán. Esta senda enlazará coa senda xa executada en Xornes-Buño-Canta la Rana. A nova senda acadará os 1,3 km de lonxitude e terá 2 metros de ancho, salvo en casos puntuais onde o ancho será maior, xa que se unirá o novo itinerario coa aliñación das parcelas para evitar que queden franxas baleiras no trazado. Será en formigón coloreado, para facilitar a visibilidade, e disporá, nos treitos onde sexa posible, de cuneta de seguridade e franxa axardinada. Completaranse os traballos coa execución da drenaxe e das canalizacións para alumeado público e telecomunicacións.