O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse este venres co alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, para informarlle da licitación do novo centro sociocomunitario e ambiental. A actuación conta cun orzamento de algo máis de 346.000 euros e terá un prazo de execución de 10 meses.
Esta nova infraestrutura emprazarase no núcleo urbano de Pontepedra, ao carón doutros servizos da localidade como son o centro escolar, a Casa do Concello, o centro de saúde e o centro deportivo.
O edificio, cun proxecto de arquitectura sostible, contará cunha superficie construída de 360 metros cadrados en planta baixa e combinará os espazos verdes coas salas para uso das veciñas e veciños.
Disporá de auditorio, sala da natureza, zona de recepción, despachos, aseos e patio exterior, entre outras estancias. A intención do Concello é dedicalo especialmente ás persoas maiores.