O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publicou o anuncio previo de licitación das obras para a execución da primeira fase do novo edificio administrativa da Cidade de San Caetano nos terreos da antiga estación de autobuses de Santiago. A publicación deste anuncio previo no boletín oficial comunitario permitirá reducir os prazos legalmente establecidos para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas en executar as obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses. Este novo edificio constitúe unha primeira fase dunha actuación máis ampla, que tamén recolle outro edificio e a urbanización da contorna. O obxecto desta actuación é construír un novo edificio administrativo para a Xunta de Galicia na parcela liberada tras a construción da nova estación de autobuses intermodal, xunto á terminal de ferrocarril. A situación da parcela, próxima ao complexo administrativo de San Caetano, permitirá a súa integración funcional na infraestrutura existente, facilitando a concentración de unidades funcionais que actualmente se atopan dispersas na cidade.
33