Cinco premiados polo Concello da Coruña no Concurso de Escaparates de Nadal


Concurso de Escaparates de Nadal, campaña impulsada polo Concello da Coruña durante estas datas festivas para dinamizar a actividade económica das pequenas tendas da cidade e impulsar, deste xeito, as compras nos comercios de proximidade, contou coa participación de medio centenar de establecementos. Durante a campaña, todos eles dispuxeron da posibilidade de solicitar o asesoramento dunha persoa experta na materia a través da Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios.

Este mércores, o Goberno municipal anunciou os cinco escaparates máis votados, trala valoración inicial do xurado, que determinou os dez finalistas, e a votación popular posterior, executada entre os días 22 e 30 de decembro a través da páxina web do concurso. Dos escaparates participantes, expostos ata este martes 4 de xaneiro, apreciouse a creatividade, complexidade da montaxe e a integración da decoración coa actividade do establecemento comercial.

Así, os cinco escaparates máis votados obtiveron premios que van desde os 2.500 e os 750 euros. Os gañadores foron os seguintes:

  • Primeiro Premio (2.500 euros): Libraría Azeta.
  • Segundo Premio (1.500 euros): Enredos.
  • Terceiro Premio (1.000 euros): Rincón de Noa.
  • Cuarto Premio (750 euros): Luces de Bohemia.
  • Quinto Premio (750 euros): Div-Ain.

Sorteáronse, tamén, 25 vales de compra, de 50 euros cada un, entre a cidadanía que participou na votación popular polo Concurso de Escaparates de Nadal.