Anunciado un investimento de case 15.000 euros no Castro de Baroña

1 minutes read

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, visitaron a zona na que se van a levar a cabo as escavacións no Castro de Baroña e que contan cun apoio da Xunta de case 15.000 euros. O obxecto da contratación é a realización de traballos de escavación, consolidación e acondicionamento dun pequeno sector situado ao sur do segundo recinto do castro coa finalidade de favorecer a súa documentación, conservación e posta en valor.

Os traballos, que se van a iniciar en breve, consistirán na excavación con metodoloxía arqueolóxica, dunha área estimada duns 80 m2 sita no sector sur do segundo recinto do xacemento, traballos de consolidación e restauración das estruturas arqueolóxicas escavadas seguindo os criterios de reversibilidade e mínima intervención. Levarase a cabo tamén o rexistro fotográfico e planimétrico da actuación arqueolóxica, incluído a realización de fotografía/vídeo aéreo con tomas xerais do xacemento e de detalle da área de actuación e realización tamén dunha ortofotografía xeorreferenciada.

A actuación contempla ademáis a colocación de 7 bases topográficas permanentes, mediante a instalación de cravos topográficos que sirvan de referencia espacial para posteriores traballos de escavación e xeolocalización das estruturas e materiais arqueolóxicas e a reposición e actualización de antigos paneis informativos sobre o castro de Baroña existentes no centro de información sito no lugar.