Apagón informativo da CRTVG sobre o peche do paridoiro de Verín

Noela Blanco.

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG do Parlamento, Noela Blanco, denunciou este venres o “apagón informativo sobre o peche do paridoiro de Verín” nas “canles oficiais de Feijóo: a Radio Galega e a TVG”. Blanco presentou unha pregunta oral no Parlamento sobre o tratamento informativo “escaso e sesgado” dun feito que está a acadar máis repercusión fora de Galicia que nos medios públicos galegos.

A responsable socialista denunciou o nulo tratamento das “históricas mobilizacións” que provocou este feito, “soamente con conexións co NO-DO cuxa produción e dirección corre a cargo do equipo de Feijóo”. Criticou así que a TVG teña resolto a manifestación histórica do 30 de novembro “cun corta e pega do argumentario do PP e con entrevistas preparadas previamente avalando as teses de Feijóo”.

Algo semellante sucedeu co parto ocorrido na noite do 11 ao 12 de decembro, que obrigou ao traslado dun pediatra a Verín, e que a TVG incluíu con información breve obviando que o xefe de Xinecoloxía de Verín recorrera ao xuíz de garda. Tamén informaban “pertinentemente” de que o cativo e a nai foran desprazados a Ourense posteriormente, pero obviando que o traslado produciuse por separado, e que non se volveron encontrar ata horas despois.

Blanco rematou o relatorio coa manifestación de veciños e veciñas de Verín ás portas do Parlamento o pasado martes 17, que a TVG tamén reduciu a unha cobertura breve de 22 segundos no Telexornal do mediodía, que foron reducidos a 27 segundos compartidos con outra protesta laboral no informativo da noite.

A parlamentaria socialista empregou a última pregunta do grupo socialista nesta Comisión antes do remate do ano para sinalar a situación da sanidade pública, cuns profesionais e unha cidadanía “que están fartos”, e logo de “centos de mobilizacións” neste ano rematan cunha protesta con epicentro en Verín, onde levan 25 días pechados no Hospital pedindo a reapertura do paridoiro.

Tamén lembrou a situación dos traballadores e traballadoras da CRTVG que suman xa 84 venres negros de protesta para reivindicar o cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, e reclamando “obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa”.