Aparatoso incendio na sede do Celta en Vigo


Á última hora da tarde deste luns produciuse un aparatoso incendio na sede do Celta de Vigo, na céntrica Rúa do Príncipe. As chamas orixináronse na terraza do edificio e alcanzaron unha zona de tarima de madeira o que produciu unha densa fumareda. O lume foi controlado polos bombeiros en poucos minutos. Ata o lugar do suceso achegáronse o presidente do club celeste, Carlos Mouriño, e o seu director xeral, Antonio Chaves, ademais do alcalde de Vigo, Abel Caballero. En principio non danou a estrutura do edificio e só provocou danos materiais na terraza. O incendio obrigou a desaloxar a todo o persoal da sede e de inmobles lindeiros, que volveron aos seus postos de traballo unha vez controlado o lume.