Aparece morto preto de Vigo un veciño da Laracha de 45 anos


O home apareceu morto dentro do seu camión este luns na área de servizo de San Simón, na AP-9, a poucos quilómetros de Vigo. Trátase de Carlos Costa Outón, de 45 anos e veciño da Laracha, agora era empregado dunha empresa cárnica e conducía un camión con destino a Vigo, facendo primeiro unha parada en Vilagarcía. Carlos era unha persoa moi vinculada e coñecida en Bergantiños, onde tivo negocios de repartición de mercadoría relacionados coa hostalería.

A Garda Civil recibiu unha alerta na tarde do pasado luns informándolles da súa desaparición, polo que se puxo en marcha un operativo de procura. Finalmente, o chofer apareceu morto dentro do seu vehículo, un camión frigorífico, aparcado na área de servizo de San Simón. Fontes da Benemérita informaron de que o corpo non presentaba signos de violencia, polo que se sospeita que puido falecer de morte natural. Os seus restos recibiron sepultura este mércores no cemiterio parroquial de Santa María de Torás.