Os equipos de emerxencia tiveron que intervir na mañá deste domingo para recuperar o corpo sen vida de Ricardo Pequeño Casais, un octoxenario desaparecido en Cee, veciño do lugar de As Escabanas. O varón foi atopado nunha zona rochosa no peirao de Cubiles, nas proximidades dunha depuradora.
Foron os efectivos de Protección Civil de Cee quen chamaron ao 112 Galicia na noite do sábado para informar da súa participación na procura do señor desaparecido. Na súa comunicación cos xestores do 112, indicaban que a familia estaba na súa busca desde as primeiras horas da mañá do sábado, momento no que se decataron da súa falta.
Desafortunadamente, ás 09:00 horas deste domingo, unha persoa particular contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para informar da localización do corpo do octoxenario nunha contorna de difícil acceso.
Así, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Cee que, nada máis ter coñecemento dos feitos, se presentaron no lugar e lograron recuperar o cadáver. Ata o punto tamén acudiron os profesionais sanitarios, axentes da Garda Civil, da Policía Local, así como os efectivos de Protección Civil da localidade.