Aparece un home morto na estrada entre Ordes e Cerceda, e outro degolado nun piso en Ordes

2 minutes read

Un home de 57 anos apareceu morto na noite deste venres en Ordes na estrada AC-409 que une a vila con Cerceda. O achado produciuse na zona de Mercurín sobre as dez e media da noite. O falecido, que vestía roupa escura e non levaba elementos reflectores, era natural de Mañufe, na mesma parroquia onde ocorreu o sinistro. O corpo tiña sinais compatibles cun atropelo violento pero descoñécense as circunstancias que rodean o accidente, aínda que un home chamou á Garda Civil para confesar que atropelara a unha persoa. A continuación, axentes da Benemérita acudiron ao domicilio do condutor e realizaron unha inspección do vehículo, que presenta danos compatibles cun atropelo. A unidade de Atestados da Garda Civil tenta determinar se o home morreu por causas naturais ou polo impacto. Os equipos sanitarios desprazados á zona non puideron facer nada por salvarlle a vida. Ata o lugar do accidente acudiron os Bombeiros de Ordes, a Garda Civil de Tráfico e efectivos do 061.

Degolado nun piso en Ordes

A vítima foi descuberta pola propietaria da vivenda cando ía a proceder a cambiar a pechadura da mesma tras tela alugada durante uns meses. O abrir a porta do piso viron tendido ao home nun gran charco de sangue, degolado e cun coitelo xunto ao corpo. Segundo fontes próximas á investigación, o home pertencía a unha cuadrilla de traballadores das telecomunicacións na que se enrolaban operarios de distintas nacionalidades, polo que se desataron as especulacións entre veciños da localidade sobre o país de procedencia da persoa falecida. A Policía Local de Ordes acoutou o acceso ao inmoble, situado nun edificio da rúa Compostela, e con prontitude presentáronse no edificio tanto axentes da Policía Xudicial da Garda Civil como a titular do xulgado de garda de Ordes así como o médico forense, para proceder ao levantamento do cadáver. A autopsia será a que determine as causas do falecemento, pero todo indica que se tratou dunha morte violenta.