Aparece unha muller morta en Val do Dubra

Coche Guardia Civil

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos, á última hora deste luns mediante a chamada dos membros de Protección Civil de Val do Dubra. Estes, tras recibir un aviso dunha persoa particular dun posible corpo nas proximidades do río Tambre, achegáronse ata o lugar de Cerradelo a comprobalo, xa que se trataba dunha zona de difícil acceso.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) alertaron á Garda Civil e, por se fosen precisos, aos Bombeiros dos parques de Santa Comba e Santiago.

Unha vez no lugar, as forzas da orde confirmáronlle ao 112 Galicia que a identidade da vítima se correspondía coa da muller desaparecida, o pasado mes de decembro, no concello de Oroso.

No operativo de busca da muller, coordinado desde o día 5 de decembro polos axentes da Garda Civil, participaron os drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a Unidade Canina de Rescate de Padrón e unha aeronave subacuática non tripulada do Servizo de Gardacostas de Galicia, xunto con familiares, veciños e membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Oroso, Santiago, Ames, Negreira, Teo, Val do Dubra e Boimorto.