A Garda Civil investiga a aparición de dúas persoas falecidas no interior dun vehículo calcinado no municipio pontevedrés de Campo Lameiro. O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, informou que o achado se produciu sobre as 12.00 horas deste sábado nunha paraxe apartada do lugar de Caneda e foron uns senderistas os que deron o aviso ás autoridades. Losada explicou que a identificación dos cadáveres deberá realizarse pola proba de ADN, dado o «nivel de deterioración». A Garda civil investiga os feitos e todas as hipóteses permanecen abertas. O alcalde da localidade, Carlos Costa, apuntaba que «están nunha zona de monte, a que se accede por unha pista». Polo momento, non hai datos oficiais sobre quen son e que puido pasar.