Aparecen na rúa San Francisco restos arqueolóxicos de Ferrol Vello

2 minutes read

Aparecen na rúa San Francisco restos arqueolóxicos que encaixan coa traza da porta medieval e o antigo peirao de Ferrol Vello. O alcalde asegura que, de confirmarse que se trata de construcións tan importantes para a historia da cidade, o Concello apostará por conservalas “de xeito que se convertan nun atractivo patrimonial e turístico para o barrio”. Tras comprobar o estado das estruturas acompañados por técnicos municipais, Ángel Mato e o edil de Urbanismo, Julián Reina, avanzaron que se vai informar á Dirección Xeral de Patrimonio e solicitarlle que se amplíe a escavación da zona

O subsolo da rúa San Francisco garda restos arqueolóxicos que son compatibles coa porta medieval da muralla, unha construción que figura nalgúns planos históricos de Ferrol Vello á altura da rúa do Cristo. Tamén coa rampla dun antigo peirao pola que se baixaba ao mar na zona onde hoxe se sitúa a praza Vella. Así o puideron comprobar esta fin de semana o alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, que foron informados in situ por técnicos municipais. Aínda que estes últimos non descartan que se poida tratar doutro tipo de estruturas, entenden que hai moitos indicios que apuntan nesa dirección, xa que a súa traza encaixa á perfección co que recolle diferente documentación do século XVIII.

A aparición de varios muros, en parte formados por perpiaños de granito, obrigou nos últimos días a variar os traballos en San Francisco para comprobar de que se trataba. Revisada a zona pola arqueóloga do Concello e o arquitecto responsable da obra de reurbanización da rúa, comprobouse a conveniencia de estudar os restos con maior detemento.

O primeiro paso, segundo explicou, será comunicarlle oficialmente esta incidencia á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Xunta de Galicia. No informe que se lle vai remitir incluiranse os datos de todo o atopado ata o momento e unha proposta para ampliar a escavación con métodos arqueolóxicos.

Pola súa banda, o concelleiro explicou que, no caso de que sexa necesario, variaríase no proxecto a canalización do saneamento co fin de non afectar a ese patrimonio arqueolóxico. Unha posibilidade, detallou, sería conducila a través da praza Vella ata o colector da rúa do Rastro.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?