- Nun banco de pedra e nun valo publicitario podíase ler este luns «Cañizo Bonito Cadaber».
O mobiliario urbano non gaña para desgustos en moitos lugares da Costa da Morte, tampouco en Malpica, por se non tiña suficiente coas secuelas derivadas das inclemencias meteorolóxicas e tamén dos botellóns, esta fin de semana uníronselle pintadas de odio con alusións directas ao concelleiro do grupo non adscrito, Alfredo Cañizo, quen recentemente subscribiu unha moción de censura para darlle un cambio político á vila mariñeira de man do PP tras desmarcarse do tripartito que formara tras as eleccións municipais do ano 2019 con PSOE e BNG. Condena unánime por parte de malpicáns e visitantes ás pintadas aparecidas este luns nun valo publicitario utilizado no seu día coa imaxe de Cañizo para promocionarse como candidato ás eleccións municipais de maio do 2019 baixo as siglas de Ciudadanos e que aínda estaba impoluta situada na marxe dereita da estrada xeral AC-418 no lugar da Camuza, á entrada de Malpica, así como un banco de pedra próximo a ese mesmo punto. En ambos os casos pódese ler textualmente «Cañizo Bonito Cadaber». O alcalde, Walter Pardo, saíu ao paso e condenou estes feitos, ademais de ordenar a limpeza das pintadas canto antes.