Aparecen tres persoas mortas no que vai de semana, na Laracha, Dumbría e Carballo

1 minutes read

A primeira persoa pereceu este luns na parroquia larachesa de Lestón. Tratouse dun veciño do lugar de 86 anos, ao que segundo fontes próximas puido sufrir un infarto fulminante. O corpo sen vida o atopouno unha veciña nunha zona de monte, próxima ao seu domicilio e ao da vítima.

Doutra banda, este mércores ao mediodía foi atopado o cadáver dunha veciña de Dumbría de 60 anos, á que a súa familia botaba en falta desde facía uns días atrás no lugar de Buxán. Dada a voz de alarma ao lugar desprazáronse unha Ambulancia do 061, unha patrulla da Garda Civil, Protección Civil e os Bombeiros de Cee, que en presenza dun familiar accederon ao interior da vivenda, onde se atoparon coa muller morta.

Poucos minutos máis tarde, en Carballo, unha veciña solicitou a presenza dos servizos de emerxencia indicando que había unha persoa desvanecida na planta baixa dun edificio de vivendas situado na rúa Salgueiro. Ao lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil, así como os servizos médicos que comprobaron que esta persoa, un home de mediana idade, estaba morto. Fontes próximas cren que puido tratarse dun suicidio, pero ivestíganse as causas do ocorrido para determinar a que foi debido, en calquera caso, será a autopsia a que confirme e aclare esta cuestión.