Aprazado o Son do Camiño para o 2021

1 minutes read
  • As entradas adquiridas son válidas para o 2021, pero quen o desexe poderá solicitar o reembolso do importe a partir do luns 18 de maio

A expectación era moi grande e ao final tivo que ser aprazado. O festival «O son do camiño», un dos máis grandes de Galicia e con máis sona internacional en toda España, non poderá celebrar este ano a súa terceira edición debido á pandemia da COVID-19, polo que quedará adiado para os días 17, 18 e 19 de xuño do ano 2021 no Monte do Gozo (Santiago de Compostela).

A organización emitiu un comunicado este venres alegando que, atendendo á Orde publicada respecto do plan de desescalada e ante a falta de instrucións concretas por parte do Goberno Central, decidiu tomar esta decisión tan complicada.

As entradas adquiridas son válidas para as novas datas do evento, polo que quen desexe conservala non terá que facer nada; pero quen non queira a entrada poderá solicitar o reembolso do importe a partir do luns 18 de maio. A plataforma de venda poñerase en contacto con cada un dos compradores.

Os organizadores agradecen o apoio de todas as persoas implicadas no festival, así coma aos asistentes, e sinalan que están traballando na reprogramación do cartel de 2020 para garantir que os principais atractivos estean presentes na edición 2021. Ademais, aproveitando que será o Ano Xacobeo, haberá moitas novidades e novas confirmacións.