Aplicación da técnica do “mulching” nas zonas máis afectadas polos lumes de Ribas de Sil


Esta técnica permite crear unha cuberta protectora do solo empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) e lévase a cabo cun helicóptero -helimulching- nas zonas de máis pendente e de forma manual -mulching- nas áreas accesibles a pé. Nunha primeira avaliación preliminar, constatouse que o lume provocou o soflamado das copas das árbores, o que derivará na caída das follas que farán de barreira natural e protexerán o solo. Neste senso, tendo en conta experiencias anteriores, esa capa de folla que caerá de forma natural sobre o solo evitará o arrastre de sedimentos en máis dun 95% e ata o 100% cando a cobertura do solo queimado é total. Ademais, nun recoñecemento aéreo, tamén se comprobou a falta de afección dos cauces dos ríos afectados, o Sil e o Lor, e a falta de conectividade entre estes e a área queimada. De feito, os técnicos observaron que no fondo das vaguadas existe unha barreira natural de vexetación que evitaría calquera arrastre de cinzas aos cauces dos ríos. A vexetación dominante nas zonas afectadas polos lumes de Ribas de Sil son masas de Pinus pinaster maduro, o que augura unha boa rexeneración natural nos vindeiros meses. Doutra banda, na parroquia de Nogueira a maior porcentaxe de superficie afectada foi de matogueiras de breixo, tamén con boa capacidade de rebrote.