A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoiará un total de 148 proxectos de enerxías renovables térmicas en administracións locais, empresas e entidades sen fins de lucro ás que se destinarán 2,42M€.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución destas axudas cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e enmarcada na Estratexia integral de Impulso da Biomasa en Galicia e da Estratexia Galega de cambio climático e enerxía 2050.
En concreto concedéronse 56 axudas para proxectos de biomasa en concellos por un importe de algo máis de 941.000 euros; 25 para iniciativas de biomasa en empresas e para autónomos por 329.000 euros; e 7 actuacións de biomasa en entidades sen fins de lucro por 321.000 euros. Ademais, apoiaranse diversos proxectos de empresas e autónomos: 47 de aerotermia (preto de 515.000 euros), 9 propostas de xeotermia (287.000 euros) e 4 de solar térmica (case 32.000 euros).
Con estas axudas, que dispoñen dunha intensidade do 80% para as administracións e as entidades sen fins de lucro e unha media do 60% para empresas cun máximo de 250.000 euros por proxecto, prevese mobilizar ao redor de 5M€.