Apoio á casa de acollida de mulleres en situación de violencia de xénero de Ferrol


O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso e, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron na sede provincial o acordo a través do que a Deputación achega o 26,43 % do orzamento anual de mantemento deste centro que dá atención ás vítimas desta lacra social e aos menores dependentes delas desde o ano 1986.

A Deputación colabora cos gastos de persoal e correntes, entre os que se inclúen produtos alimenticios, farmacéuticos, roupa ou axudas ao transporte, entre outros. Dentro do convenio, tamén se compromete a proporcionar formación anual para o persoal dos recursos en función ás necesidades detectadas sobre intervención en materia de violencia de xénero e xestión emocional.

González Formoso, destacou que a Deputación “triplicou en 2020 e 2021 a súa axuda económica para a Casa de Acollida de Ferrol “porque somos conscientes de que neste momento o noso compromiso é máis necesario que nunca”. Formoso lembrou que o centro “presta servizo a toda comarca” e “desenvolve un papel fundamental na atención a un colectivo especialmente vulnerable” como é o das mulleres que sofren a violencia de xénero.

O alcalde, Ángel Mato, agardeceu o apoio e “sensibilidade” da Deputación neste tema e destacou que para a Casa de Acollida de Ferrol “é fundamental, un recurso indispensable na loita contra a violencia machista”.