O Diario Oficial de Galicia publicou unha nova convocatoria de axudas para apoiar ás mulleres traballadoras vítimas da violencia de xénero que se ven obrigadas a mudar a súa residencia habitual de localidade por motivos laborais a causa da súa situación. Contarán así con achegas, que poden superar os 10.000 euros, coas que se pretende cubrir parte das necesidades de transporte, aloxamento, mudanza e coidados de menores e dependentes que lles xurdan. Poden beneficiarse das axudas as mulleres que teñan acreditada a súa condición de vítimas de xeito oficial nos 24 meses anteriores ao cambio de residencia efectuado entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 30 de novembro de 2022. As vítimas deberán ter cesado a relación de convivencia co agresor e a media dos seus ingresos brutos mensuais non poderán superar 3,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) dos seis meses anteriores á data de solicitude. Entre os gastos financiables no marco desta resolución inclúese o desprazamento tanto da beneficiaria como dos familiares ao seu cargo desde a localidade de orixe á nova residencia. Darase cobertura ao importe dos billetes, no caso de empregar liñas regulares de transporte público, e tamén ao custo polo emprego do vehículo particular, de ser o caso, cunha indemnización por quilómetro e polo importe das peaxes debidamente xustificadas.
36