O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se informa das persoas beneficiarias das axudas de 2022 para o fomento de utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia. As achegas son de algo máis de 4 millóns e medio de euros e beneficiarán a 57 cooperativas.
Estas axudas teñen como obxectivo principal promover a utilización e introdución de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, así como racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
Con estas achegas prevese mellorar os resultados económicos de todas as explotacións beneficiadas e facilitar a súa reestruturación e modernización, en particular co obxecto de incrementar a súa participación e orientación cara ao mercado, así como a diversificación agrícola. A maiores, preténdese reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco procedentes da agricultura.