Apoio autonómico á futura planta de hidróxeno verde de Meirama


O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou todo o apoio da Xunta ao proxecto para instalar en Meirama, no concello de Cerceda, unha planta de produción de hidróxeno verde, promovido por Naturgy, Repsol e Reganosa.

Nunha xuntanza cos responsables destas compañías, Conde agradeceulles o compromiso e a aposta que están a facer por Galicia. Trátase dunha planta cunha potencia inicial escalable de 30MW e que se estima que poida xerar en torno a 400 postos de traballo directos e indirectos.

Conde ofreceu a máxima colaboración a través dos instrumentos da Lei de simplificación administrativa para darlle a maior axilidade posible á tramitación deste proxecto. Nese sentido, avanzou que a Administración autonómica xa está avaliando a súa declaración como Iniciativa Empresarial Prioritaria.