Apoio da Deputación á programación cultural da RAG

1 minutes read

A Deputación da Coruña achega 60.000 euros, un 80% do orzamento que a Real Academia Galega inviste na súa programación anual, que inclúe actividades como a revisión e o estudo da toponimia oficial da provincia da Coruña e a atención ás consultas dos concellos, a fase de finalización dun estudo sociolingüístico sobre competencias e usos do galego na infancia, a actividade «Primavera das Letras», que este ano permitiu divulgar entre os escolares da provincia a figura de Ricardo Carballo Calero e o seu importante traballo no eido etnográfico e cultural ou a realización de accións didácticas, expositivas, difusoras e dinamizadoras na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, gabou o importante traballo que desenvolve a RAG na promoción da lingua e cultura galegas e destacou que a colaboración da Deputación está enfocada especialmente a actividades que se desenvolven entre persoas de fóra de Galicia e entre os máis pequenos.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, agradeceu o apoio da Deputación para manter a actividade desta institución centenaria.