Apoio da Deputación ao sector pesqueiro e marisqueiro da provincia

Cedida.

A Deputación da Coruña destina este ano preto de medio millón de euros para apoiar a 30 confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia na contratación de persoal e na modernización dos seus procesos de produción e comercialización.

O ente provincial ven de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a concesión provisional destas subvencións que teñen como obxectivo “apoiar un sector de grande importancia social e económica na provincia e en toda Galicia”, segundo afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou que unha parte destes fondos contribúen tamén a manter e crear emprego no sector pesqueiro e marisqueiro coruñés.

Contratación e mantemento de persoal, mellora da produción e da comercialización de produtos, servizos de vixilancia, gardapesca e control, adquisición de sementes de moluscos ou o impulso da pesca costeira artesanal e do marisqueo a flote, son algunhas das accións nas que se investirá a través desta liña de subvencións que oscilan entre os 3.700 e os 18.000 euros.