O Boletín Oficial da Provincia (BOP) acaba de publicar a convocatoria dunha liña de subvencións, que conta cun orzamento de 60.000 euros, para financiar as actividades das agrupacións de Protección Civil da provincia que pertenzan ou desenvolvan o seu traballo en concellos con menos de 50.000 habitantes. As contías a conceder poderán oscilar entre un mínimo de 1.000 euros e un máximo de 12.000 euros.
O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, destacou «o apoio decidido» da Deputación ás agrupacións de Protección Civil da provincia, que ademáis este ano poderán renovar ou adquirir novo material coma scooters, bicicletas ou equipos de comunicacións, coma walkie-talkies, para realizar a súa actividade diaria.
García, que tamén é voluntario de Protección Civil en Ames, subliñou e agradeceu unha vez máis o importante traballo que están a levar a cabo estes voluntarios no contexto de crise sanitaria e económica no que nos atopamos na actualidade.
Entre os gastos a financiar nesta liña de subvencións atópase a compra de bens destinados á actividade, formacións (cursos e material didáctico), organización de eventos e subministracións, entre outros.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto e rematará ás 14:00 horas do 31 de marzo de 2021. As tramitacións deberanse facer por vía telemática a través da plataforma SUBTEL da Deputación.