Trátase dunha colaboración autonómica cos concellos máis turísticos na contratación de auxiliares de policía local durante esta tempada de verán a través dunha nova convocatoria do Plan Específico de Subvencións destinada aos municipios onde o incremento da poboación é maior nestes meses para reforzar a eficacia dos seus corpos policiais.
O obxectivo deste plan é redobrar a vixilancia e a seguridade cidadá nos concellos de maior afluencia turística cunha mellor prestación deste servizo á cidadanía, contribuíndo a incrementar a eficacia dos seus corpos de policía local durante a época estival a través de axudas á contratación de persoal con carácter temporal como auxiliares de policía local. Ademais, apoiar así o labor que desempeñan os corpos de policía no contexto actual derivado da crise sanitaria causada pola covid-19 que esixe controlar o cumprimento das medidas de prevención e seguridade.
As axudas, de 145.000 euros, repartiranse tendo en conta o número de prazas hoteleiras en cada concello respecto á súa poboación total, sendo beneficiarios os concellos que experimenten na tempada de verán un incremento estacional de poboación e teñan un mínimo de 1.000 prazas.
