A candidatura do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal avanza cara a declaración da UNESCO despois da presentación na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que deixou á vista a colaboración institucional na defensa da iniciativa. O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, agradeceu o compromiso dos concellos e da Xunta e defendeu os valores dun novo produto turístico que supón un recurso de desenvolvemento económico sostíbel asentado sobre o tesouro xeolóxico milenario. Regueira, destacou a urxencia de consolidar o camiño da recuperación do sector turístico e mostrou o seu convencemento de que Fitur contribuirá a posicionar os recursos do territorio da provincia da Coruña que ofrece destinos que responden ás actuais demandas do turismo como calidade, seguridade e non masificación. Neste sentido, a presentación do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal supón levar á Feira Internacional de Turismo de Madrid, «un territorio turístico consolidado, cunha oferta variada, de altísima calidade e extraordinariamente auténtica, tanto no monumental como no cotiá, no paisaxe e na xente».

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mostrou o apoio á candidatura de Ortegal e destacou que contar coa declaración de Xeoparque Mundical da UNESCO suporía «non só garantir a conservación deste territorio, que conta cun patrimonio xeolóxico único, se non tamén nos permitiría contar cunha panca dinamizadora do conxunto do territorio». «Sería unha grandísima noticia para Galicia. Apuntou ademais que este xeodestino conta con tódalas condicións para captar un turismo de calidade e aos turistas que, neste escenario postpandemia, buscan viaxar a zonas tranquilas e non masificadas en espazos abertos e en contacto coa natureza e puxo como exemplos as praias de Valdoviño onde se celebra o maior evento de surf de España –a Abanca Pantin Classic Pro-, os acantilados da costa ártabra, as paisaxes que atravesa o Camiño Inglés ou o Camiño ao santuario de Santo Andrés de Teixido.
