Apoio importante do Concello de Vimianzo á celebración das Festas de Agosto 2025

1 minutes read

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e Noelia García, en representación da Asociación de Festas de Vimianzo, asinaron un convenio de colaboración para apoiar a programación das festas de verán deste ano, que se celebrarán os días 8, 9, 10 e 11 deste mes. O acordo, cun importe de 15.000 euros, servirá para impulsar unha ampla oferta de actividades musicais e lúdicas pensadas para todos os públicos.

Promo das Festas de Vimianzo_novahit.

A programación arrincará o venres, día 8, cunha gran verbena a cargo da París de Noia e o grupo Máster. O sábado, día 9, a festa continuará desde primeira hora co tradicional pasarrúas da man da Banda de Música de Ponteceso e Trubisquiñas. Ás 13:00 horas celebrarase a misa cantada na honra da Virxe do Carme, seguida dunha animada sesión vermú a cargo do dúo D’Festa. Xa pola noite, o prato forte será a actuación da orquestra Panorama e a disco móbil Full.

O domingo 10 de agosto o día comezará coa música animando as rúas, nesta ocasión co grupo de gaitas Os Farrapos de Cesullas. Ás 13:00 horas celebrarase a misa na honra de San Roque, seguida dunha nova sesión vermú a cargo do grupo Veneguay. Pola noite, a verbena estará amenizada pola orquestra La Fórmula e a orquestra Principal.

Como peche das celebracións, o luns 11 de agosto estará dedicado aos máis pequenos e pequenas da casa. Inchábeis, música de DJ Rokiño e unha festa de escuma para que a rapazada poida gozar dunha tarde única e pechar, así, as festas patronais.