Apoio institucional ao club de fútbol de Muxía cunha axuda que supera os 35.000 euros

Cedida

  • Este venres a directiva do club e o goberno local visitaron o campo da Arliña para supervisar o resultado das obras de mellora

O Concello de Muxía consolida o seu apoio ao Muxía C.F. a través dun convenio de colaboración no que a Administración local aportará algo máis de 35.000 euros para que a entidade deportiva poida «seguir crecendo e mellorando as escolas deportivas de fútbol», sinalan desde o consistorio.

Durante a mañá deste venres os tres integrantes do equipo de goberno mantiveron unha xuntanza coa directiva do club de fúbol, encabezada por Juan José Busto, na que supervisaron o resultado das obras no campo da Arliña onde se realizaron melloras con fondos municipais na zona de gradas e vestiarios, ademais dos traballos de acondicionamento de pintura e ornamentación.

O alcalde, Iago Toba, agradeceu todo o traballo realizado polas persoas que integran o club de cara á transmisión de valores e o fomento da deportividade, facendo ademais que os mozos e mozas de Muxía teñan «un espello no que mirarse e polo que sentirse identificados e identificadas».