Apoio institucional para posicionar a Costa da Morte como destino Starlight


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este martes en Caión no II Encontro de Turismo da Costa da Morte, onde destacou o apoio levado a cabo dende a Xunta de Galicia para posicionar este territorio como destino Starlight, isto é, acadar a certificación de que é un lugar que goza de excelentes calidades para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, son especialmente aptos para desenvolver neles actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Durante a súa intervención, Nava Castro indicou  que grazas a este tipo de iniciativas para intercambiar ideas e proxectos no sector, Galicia traballa para consagrarse, ano a ano, nun destino exclusivo a través dunha oferta diferenciada e de calidade.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia puxo en valor esta iniciativa, xa que, en palabras da directora de Turismo de Galicia, “permítenos fomentar unha modalidade de turismo sostible e responsable que combina a observación do ceo nocturno e diúrno, a divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza”.

O evento, organizado pola Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), tivo como finalidade intercambiar ideas e proxectos, mostrar o potencial do sector turístico e unir os concellos do xeodestino. Así, o evento contou con representantes dos 17 municipios, o tecido empresarial turístico, a Deputación e a Fundación Starlight, fundación cuxo obxectivo é a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible a través do astroturismo.

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, fixo de anfitrión do acto, no que ademais de Nava Castro tamén participaron:
▪️ Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña.
▪️ Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT.
▪️ Jorge Mira, catedrático do departamento de Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela.
▪️ Antonia Varela, directora da Fundación Starlight.
▪️ Aleix Roig, guía Starlight e consultor en astroturismo en Mizar Xperience.
Ademais, asistiron como convidados rexedores dos municipios da Costa da Morte e responsables de Aptcm Costa da Morte.

A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, afirmou que este evento serviu para “comunicar os maiores éxitos desta anualidade” e para poñer en valor os retos da asociación para o próximo exercicio. Ademais destacou que a asociación traballa para poñer en valor a “marca común: Costa da Morte”.