Apoio para a transformación da Lonxa Vella de Camariñas no Museo dos Naufraxios

1 minutes read

A Deputación da Coruña comprometeuse a financiar o proxecto do Concello de Camariñas para a transformación do antigo edificio da Lonxa Vella, que actualmente está baleiro e en estado ruinoso, no Museo dos Naufraxios.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, para concretar o apoio da institución provincial a este ambicioso proxecto, que permitirá transformar o inmoble nun espazo expositivo de referencia para a comarca da Costa da Morte.

No encontro, no que tamén estiveron presentes os concelleiros e concelleiras Encarna Liñeiro, Sergio Caamaño e Begoña Tajes, González Formoso interesouse polos detalles do proxecto, que tamén contará cunha zona destinada a albergar conferencias ou cursos formativos dirixidos aos traballadores e traballadoras do sector do mar.

Valentín Gonzalez Formoso destacou que «o edificio está nunha localización estratéxica e forma parte da historia recente do sector pesqueiro de Camariñas» e lembrou que «a comarca da Costa da Morte en particular e a provincia en xeral necesitan deste tipo de espazos para poñer en valor o enorme patrimonio que agocha a nosa costa».

Sandra Insua agradeceu o apoio da Deputación «xa que, despois de que conseguiramos a cesión do edificio da Lonxa Vella, a financiación é imprescindible para poder acometer este proxecto para darlle utilidade e poñer en valor parte da historia de Camariñas, que estea en bo estado e que volva ser útil».