O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres por unanimidade o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia para o desenvolvemento deste novo plan de sustentabilidade turística (PSTD) dotado con 1,5 millóns de euros.
‘Os fogóns do Anllóns’ é un proxecto estratéxico para impulsar o turismo sostible na comarca de Bergantiños e singularmente nos concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Ponteceso e A Laracha. Está concibido para ofrecer un produto turístico de calidade, baseado na gastronomía local e sostible, e para cumprir cos catro eixes transversais que os fondos Next Generation esixen para acceder ás súas axudas. En canto ao primeiro eixo, a transición verde e sostible, ‘Os fogóns do Anllóns’ prevé, entre outras accións, a creación dunha rede de miradoiros e doutros espazos novos para usar, por exemplo, como praias fluviais; e tamén limpar e eliminar as especies invasoras nas beiras dos ríos.
No relativo ao segundo eixo, a mellora da eficiencia enerxética, ‘Os Fogóns do Anllóns’ creará servizos de paseo en embarcacións limpas, rutas de cicloturismo e alugueiro de bicicletas, mesmo en restaurantes, e, sobre todo, apostará polo sendeiro do Anllóns, nuclear do proxecto, de 53 quilómetros que transcorren pola Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
A transición dixital é o terceiro eixo. As accións de ‘Os Fogóns do Anllóns’ irán orientadas neste caso a explicar —con realidade aumentada e códigos QR— a gastronomía local, ou a deseñar aplicacións nas que consultar todo o relacionado co proxecto.
No referido ao cuarto eixo, o da competitividade turística, ‘Os fogóns do Anllóns’ buscarían o embelecemento de restaurantes, incentivando, por exemplo, que conten con louza e manteis elaborados na zona. Tamén se potenciarán as feiras e se deseñarán rutas gastronómicas que aposten polo produto local, de quilómetro 0.