Apoio provincial para pavimentar a vía que une os núcleos de Rorís e Anzobre, en Arteixo


A Deputación da Coruña aprobou un investimento de 368.000 euros, enmarcado dentro da sétima fase do Plan de Investimentos 2021, para un proxecto de mellora do firme e outras actuacións de seguridade viaria na estrada DP-0507 que une os núcleos de Rorís e Anzobre, no Concello de Arteixo.

As obras, que se levarán a cabo entre os quilómetros 0,25 e 2,85, inclúen a limpeza de beiravías e cunetas, a aplicación dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, a renovación da sinalización horizontal e o reforzo da vertical colocando sinais de limitación de velocidade e de paso estreito e intersección con prioridade. Para ocasionar as menores molestias posibles executaranse os traballos primeiro por unha marxe e posteriormente pola outra, de modo que poderá manterse sempre en servizo un dos carrís en todo momento.

Ademais, nesta mesma estrada o organismo provincial xa financiou outro proxecto de 381.029 euros para a construción dunha senda peonil que dá continuidade ao circuíto peonil procedente do núcleo de Lañás e das mesmas características técnicas.