Aposta pola volta ciclista como punto de partida da peregrinación a Galicia no 2022

A Xunta apoia a celebración da carreira ciclista ‘O Gran Camiño’ na que a organización promoverá a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22. Na presentación da volta ciclista na Cidade da Cultura, participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete. A carreira galega terá lugar do 24 ao 27 de febreiro, como escaparate do potencial turístico de Galicia en pleno Xacobeo.

Rueda indicou que “deporte e turismo unidos dan como resultado beneficios moi importantes para a economía galega”, e máis tendo en conta que o evento deportivo vaise celebrar en temporada baixa, polo que será o punto de partida “do Xacobeo pleno que Galicia merece”. Nesta liña, amosou a súa satisfacción pola recuperación dun evento que, como o Camiño de Santiago, “percorre todas as provincias galegas, realízase por etapas e defende os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo para chegar á meta en Compostela”. Por iso, recalcou que supón un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira.

Lete Lasa destacou a íntima relación que une a Galicia co ciclismo e gabou o esforzo do deporte galego que tras superar dúas crises -a económica e a pandémica- segue a colleitar grandes éxitos. Parte destes éxitos son propiedade do ciclismo galego que nos últimos dous anos colocou a tres equipos no top 3 da clasificación nacional elite e sub23 ou que multiplicou por cinco as licenzas deportivas en Galicia, ata chegar ás 8.500 que temos hoxe. Neste sentido apuntou que agora é o momento adecuado para abordar grandes desafíos como O Gran Camiño e agradeceu a colaboración público-privada para sacar adiante proxectos de país coma este.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha