Apple doa á loita contra a Covid as vendas da súa liña Product RED

1 minutes read

Os beneficios de Apple da súa gama Product RED son doados á loita contra a Sida, pero nesta época tan peculiar e desafortunada que vivimos, Apple fai un parón e destina todo o recadado contra o COVID-19.

O coronavirus fixo estragos na nosa rutina, economía, saúde mental e física, traballos, estudos, etc. En definitiva cambiounos a vida, pero como en todas as circunstancias desta desfeita, hai quen o pasa mal, outros que pasan no bico dos pés e outros que nin se decatan.

Desde esta mesma semana ata o mes de xuño de 2021, Apple destinará todos os beneficios da venda da gama Product RED ao Global Fund’s Covid-19 Response. Noutras palabras, ese diñeiro encherá o fondo mundial para a loita contra o coronavirus.

Product RED non é un nome elixido por Apple, senón que (RED) é unha ONG coa que Apple empezou a colaborar no ano 2006. Trátase dunha organización sen ánimo de lucro que loita contra a Sida, tamén coñecido como VIH, a malaria e a favor do comercio xusto en África. Esta organización está fundada por Paul David Hewson máis coñecido como Bono, o vocalista de U2.