Aprazados por covid o SD Fisterra-Silva SD, e o Bergantiños FC-As Pontes

Estadio Ara Solis de Fisterra_Cedida.

Cada semana que pasa vese máis desvirtuada a competición na Terceira. Nas quince xornadas que levamos de campionato non hai ningún conxunto que non teña partidos pendentes por mor dos positivos en coronavirus. 

O que máis choques pendentes ten, a SD Fisterra, con catro partidos adiados, sumará unha cita máis aprazada no calendario, o partido que ía a enfrontar aos fisterráns ao SD Silva este domingo en Ara Solis. Segundo comunican dende as redes sociais do equipo fisterrán, este aprazamento débese a varios casos de positivos en COVID-19 no conxunto visitante.

Bergantiños FC – As Pontes

O partido previsto para este domingo, 7 de febreiro entre o Bergantiños e As Pontes, correspondente á Xornada 16, tamén queda adiado por un positivo por covid no equipo de As Pontes. Dende o Bergantiños FC deséxanlle unha pronta recuperación e moito ánimo.

Coa pandemia afectando ao mundo do deporte, cada vez son máis ás voces que se erguen para pedir a paralización dunha competición adulterada por cuestións como a falta de público nas bancadas e como non, pola influencia directa do virus nos equipos.