Aprehendidos 25 kg de ameixa e 7,1 de berberecho no porto de Cee

Efectivos do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil da Coruña nun operativo conxunto realizado co Servizo de Gardacostas da Xunta Galicia procederon á incautación no porto de Cee dun total de 25 kg de ameixa fina e de 7,1 kg de berberecho a un veciño de Corcubión de 44 anos de idade.

Os feitos sucederon cando efectivos da mencionada Unidade, detectan a unha persoa mergullando con equipo de respiración autónoma en augas próximas ao espigón do porto de Cee. Unha vez sae da auga deixa os utensilios utilizados xunto cun saco de rede, aletas e cinto nas escaleiras, dirixíndose a pé polo porto, onde se sobe a un vehículo e regresa ao lugar onde deixara o equipo.

Unha vez introduce no maleteiro do vehículo todas as pertenzas, inicia a marcha rapidamente, sendo interceptado á saída do porto onde se lle comproba que as capturas corresponden a ameixa e berberecho. O bivalvo foi incautado e, ao acharse con vida, devolto ao mar na mesma zona na que fora extraído. O equipo de mergullo, composto por unha botella de osíxeno co seu regulador e jacket, dúas aletas, un xogo de lentes, un par de luvas e un cinto plomado, foi igualmente incautado, quedando depositado na base do referido Servizo de Gardacostas.

Por parte da forza actuante confecciónaselle denuncia por suposta infracción á Lei 11/2008, de Pesca de Galicia, por exercer a actividade extractiva do marisqueo carecendo do preceptivo permiso habilitante e con medios prohibidos, para a súa remisión á Consellería do Mar.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha