Aprehendidos máis de 600 quilos de cocaína a bordo dun mercante na Coruña


Segundo confirma a Garda Civil, trátase dun alixo importante de cocaína, pero polo momento non pode dar datos concluíntes. A droga foi localizada no interior do cargueiro Shandong Fu Yi, con bandeira de Hong Kong, que partira o 8 de setembro do porto de Vila do Conde, no Brasil. Este venres, pouco despois das 14:30 horas, chegou á Coruña. Dende entón, permanece atracado no peirao do Centenario. O frete oculto foi descuberto de xeito casual nunha inspección rutineira na que participaban varios mergulladores, que deron o aviso ao Grupo Especial de Actividades Subacuáticas. O Equipo de Delincuencia Organizada e Antidrogas da comandancia da Coruña asumiu a investigación do caso.