Aprobada a Axenda Urbana de Carballo

  • O pleno ordinario de febreiro comezou cun minuto de silencio na memoria das vítimas do incendio de Valencia e do operario falecido no polígono industrial de Bértoa só unhas horas antes da sesión.

Os membros da corporación debateron e aprobaron en só media hora todos os asuntos incluídos na orde do día, entre eles algún de tanto calado coma o marco estratéxico e o plan de acción da Axenda Urbana de Carballo, un documento que establece as liñas de actuación necesarias para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible e poder acceder a fondos europeos para o financiamento de proxectos locais.

A Axenda Urbana de Carballo foi aprobada coas abstencións dos sete concelleiros e concelleiras da oposición, igual que o recoñecemento de facturas pendentes de exercicios anteriores por importe de algo máis de 95.000 euros e a resolución das tres alegacións presentadas ao plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados (Razo). A compatibilidade solicitada por unha profesora do Conservatorio Profesional de Música foi aprobada por unanimidade, e a corrección dun erro tipográfico no POS+ saíu adiante coas abstencións dos 5 edís do PP.

Na sesión tamén se deu conta do período medio de pago a provedores, que no último trimestre do 2023 foi de 20,29 días.

Así mesmo, foi aprobada por unanimidade a declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha