Aprobada a construción dunha senda peonil no entorno do aeroporto de Alvedro

1 minutes read

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade de todas as forzas políticas o proxecto de acondicionamento e mellora da seguridade vial da estrada provincial DP-3104 ao seu paso polo núcleo de Liñares, no entorno do aerporto de Alvedro, en Culleredo.

As obras suporán a construción dunha senda peonil de preto de 1,8 quilómetros de lonxitude, que partirá da Igrexa antiga de Santo Estevo (Tarrío) e rematará na intersección da DP 3104 coa estrada N-VI en Alvedro.

Segundo explicou o alcalde da localidade e deputado provincial, José Ramón Rioboo, a área de Vías e Obras da Deputación que dirixe José Manuel Pequeño «atende coa posta en marcha deste proxecto unha antiga reivindicación do Concello de Culleredo e da veciñanza de Liñares para mellorar a seguridade peonil nun núcleo que, a pesar de contar con numerosas vivendas nas marxes da estrada, carecía ata agora dun itinerario peonil seguro».

A senda terá dúas tipoloxías diferenciadas. Na zona onde hai vivendas estará construída con adoquín prefabricado de formigón sobre base de zahorra, mortero e formigón; mentres que no resto da obra construirase con aglomerado asfáltico, a medio metro da marca vial do borde actual da estrada. Nos cruces de rúas, o adoquín de formigón será substituido por pavimento de adoquín de pedra natural.