A Comisión de Saúde Pública, na que están representadas o Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas, avalou a dose de reforzo da vacina contra a covid-19 ás persoas de 59 a 40 anos, comezando polas de maior idade. Confirmouno a ministra de Sanidade, Carolina Darias: «prioritariamente irán os de 50 a 59, e cando as comunidades autónomas finalicen con ese grupo empezarán a vacinar os de 40 a 49. Isto vai permitir ter un horizonte de planificación dos recursos moi amplo», asegurou.
Segundo informou o Ministerio de Sanidade, esta dose de recordo administrarase a partir dos 6 meses da última dose con ARNm, seguindo as recomendacións do Relatorio de Vacinas. Tamén se aprobou administrar dose de reforzo a aquelas persoas menores de 60 anos que recibiron AstraZeneca, fundamentalmente os traballadores esenciais. A dose de recordo administrarase a partir dos 3 meses da última dose. As persoas de calquera idade que recibiron unha dose de vacina Janssen tamén deben recibir unha dose de reforzo, tal e como xa consta na Estratexia de Vacinación.