Aprobada a expropiación dos terreos para a ampliación no CEIP Otero Pedrayo

Imaxe de arquivo do CEIP Otero Pedrayo en A Laracha

  • O Concello investirá máis de 81.000 euros na adquisición dos terreos necesarios para ampliar a rúa José Añón e vincular maior superficie ao recinto do colexio

A Xunta de Goberno Local da Laracha aprobou este xoves, de forma definitiva, o expediente de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo tras estar sometido a información pública durante un mes.

O Concello investirá máis de 82.000 euros na adquisición de 13.761 metros cadrados de superficie repartidos en 21 parcelas e que están cualificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal en tres clases diferentes: solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable non delimitado. Os terreos actualmente non presentan un uso produtivo definido e están carentes de edificacións.

Dispoñer destes terreos permitirá ao goberno local aumentar a superficie vinculada ao CEIP Otero Pedrayo para equipamentos deportivos ou educativos cara o norte, en continuidade cos existentes actualmente, e ampliar a rúa José Añón co propósito de mellorar o acceso ao colexio desde a estrada AC-552. Deste xeito «daríase resposta aos problemas que presenta o tráfico nesta zona en horario de saída e entrada ao centro, aumentarase a seguridade viaria ao separar as zonas para o tránsito rodado e o peonil, incrementarase o espazo para facilitar as manobras dos autobuses e habilitarase un ámbito de aparcamento para o transporte escolar», sinalan desde o Executivo local.

Na primeira fase de ampliación dos equipamentos do centro escolar o Concello xa investira preto de 44.000 euros na compra dos terreos afectados polo proxecto de acondicionamento da estrada entre Bos Aires e As Calzadas que dá acceso ao colexio. A actuación, que comezará a executarse de xeito inminente, está valorada en 243.000 euros.

Axudas para a reactivación económica

Na Xunta de Goberno tamén se acordou conceder axudas a empresas e autónomos co propósito de contribuír a paliar as consecuencias económicas que supuxo a pandemia. Na liña convocada directamente polo Concello, e despois de que os solicitantes completasen a achega da documentación requirida, inclúense nove novos beneficiarios que percibirán subvencións por un importe total de 5.100 euros.

Ademais, a través do PEL-Reactiva –impulsado en colaboración coa Deputación da Coruña- concedéronse novas axudas por un importe total de 18.179,03 a doce solicitantes da listaxe de reserva. Dita cantidade económica procede dos beneficiarios iniciais que renunciaron ás subvencións ou que non xustificaron por completo o importe concedido.

Entre ambas convocatorias de subvencións no Concello da Laracha destínanse  400.000 euros a axudar economicamente ás pemes e autónomos durante a pandemia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha