Aprobada a expropiación dun edificio e terreos en Carballo para aumentar a canle do río Anllóns

Cedida

  • Actuarase na ponte da Casilla ou de Isabel II para eliminar obstáculos

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou, de xeito inicial, o proxecto de expropiación de 280,15 metros cadrados de terreo que permitirán aumentar a canle do río Anllóns ao seu paso pola ponte de A Casilla ou de Isabel II. O obxectivo é eliminar os obstáculos existentes no curso do río, neste caso un inmoble situado na rúa Fomento 57 -conta con semisoto, tres plantas e baixo cuberta, cunha superficie total construída de 786,74 metros cadrados- e un terreo vacante situado na parte posterior.

O valor total dos bens que se expropiarán ascende a 399.521,75 euros. O acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local inclúe tamén que se opte polo procedemento de taxación conxunta para a tramitación do expediente e que se declare a utilizade pública dos bens e dereitos afectados. O proxecto de expropiación será sometido a información pública durante o prazo dun mes a partir da publicación correspondente no Diario Oficial de Galicia.

A adquisición do inmoble forma parte dos compromisos adquiridos polo Concello de Carballo dentro do convenio de colaboración con Augas de Galicia para reducir o risco de inundación nas marxes do Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que serán cofinanciadas nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), entre as cales considéranse prioritarias as seguintes: reforma da ponte da Casilla e da canle, dentro da cal se inclúe a demolición do edificio que se vai expropiar. Tamén se contempla a creación dunha canle de augas altas na rúa Sol, a reforma integral do parque do San Martiño, a mellora hidráulica do río Anllóns ao seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552 na Cepeira (Sísamo) e a realización dun by-pass no Muíño do Quinto.

Todas estas actuacións forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns, redactado por Augas de Galicia. O orzamento das actuacións está estimado en tres millóns de euros, que se investirán en tres anualidades: 280.000 no 2021; 1.360.000, no 2022, e 1.360.000, no 2023.