Aprobada a iniciativa socialista para mellorar a seguridade nos portos de Malpica e Barizo

Martín Seco en Malpica_Cedida

  • O parlamentario Martín Seco reclama á Xunta un trato por igual a todos os concellos, independentemente da súa cor política

Este martes aprobouse no Parlamento unha iniciativa do PSdeG na que se incluía a mellora da seguridade nos portos de Malpica e Barizo. Por outra banda, o parlamentario socialista, Martín Seco, denunciou o voto en contra do PP a unha proposición non de Lei motivada pola formación de esquerdas para reclamarlle á Xunta que trate «a tódolos concellos do mesmo xeito, independentemente da cor política que goberne o municipio». Esta iniciativa foi presentada a raíz do «desinterese demostrado polo goberno galego para a mellora da seguridade dos portos de Malpica e Barizo dende o falecemento dun mariñeiro hai tres anos».

O responsable socialista reclamoulle ao Goberno galego que desbloquee a actuación e «executen cando antes as obras de mellora que desatenderon durante o goberno do socialista Walter Pardo». O exalcalde estivo acompañado este luns por Martín Seco apuntando que malia os «estudos, medicións, sistemas de análise das correntes anunciados pola Xunta seguimos esperando a que se faga algo».

Seco tamén sinalou que «hai que abordar con premura o remate do apuntalamento do tramo da dársena para o acceso de camións que asegure un tráfico pesado que pode traer algunha desgraza polo seu estado actual». Lembra ademais que hai tempo que o Concello pide «insistentemente a reparación da grúa do porto de Barizo e o arranxo da rampa de acceso» ao mesmo, o que consideran «abandonado dende a última intervención feita polo goberno de Touriño, hai 12 anos».